Saturday 04 de May de 2024

Rock e metal farán vibra-la Pobra co festival Entrebateas


A música imperará na Pobra do Caramiñal coa quinta edición do Entrebateas, o festival de rock e metal. Tras dous anos de parada por mor da COVID-19, regresa á localidade con diferentes grupos de renome que actuarán a comezos de setembro, na praza Alcalde Segundo Durán, cun cartel organizado conxuntamente entre a Concellaría da Cultura, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), e a asociación cultural Xente ás Leiras, coa colaboración doutras entidades.

O ritmo do día 2 virá marcado por Heredeiros da Crus, Rebeliom do Inframundo, Agoraphobia e YOUCANTHIDE, mentres que o día 3 estará protagonizado por Soziedad Alkoholika, Golpe Radikal, Stoned At Pompeii e Hybrid Park.

As entradas aínda se poden adquirir a través da páxina web www.entrebateas.com. O bono para a totalidade do festival ten un prezo final de 30’54 euros, mentres que para cada un dos días se establece nos 20’36 euros.

Como actividade complementaria, Stoned At Pompeii ofrecerá un tributo a Metallica ao abeiro do Sons da Vila, concerto que porá o broche final a esta programación e servirá á súa vez como preparty do Entrebateas. Esta sesión musical arrancará ás 21.00 horas do día 1, na praza Paulino Santos. O acceso é libre, pois o evento busca dinamiza-las contornas das terrazas dos establecementos hostaleiros. A maiores, cómpre lembrar que a comezos de agosto se celebrou unha festa en catamarán pola ría da Arousa como antesala.